Crítica a Taibo. Por un movemento proglobalizador.

En primeiro termo dicir que a charla de Taibo estivo ben organizada e nas preguntas foi moi cordial: as formas ás veces son o fondo e Taibo presentouse como un señor. Explicou paso por paso as súas ideas e con numerosos e gratificantes exemplos (os “cotilleos” do movemento). Con ánimo de facerse entender. Pero carecía dun discurso global, dunha reflexión profunda da sociedade actual a partir da cal realizar propostas de acción. Entende-lo mundo que nos rodea para propoñer. Ben ó caso o que dicía Mao…

un home sen información, carece de opinión

A miña crítica á súa charla é ontolóxica, de modelo de coñecemento. Estou dacordo cos datos que presenta e tamén coas análises parciais. Pero non co modelo xeral construido a partir deles.

Na base da pirámide do discurso dun activista temos os datos en bruto (estatísticas de diferentes organismos). A partir deses datos formúlanse os análises dos datos pertinentes (a concentración da riqueza aumentou por 7 nos últimos 15 anos; a relación entre o 20% da xente máis rica e o 20% da xente máis pobre era de 30 a 1 en 1970, de 60 a 1 en 1990 e de 90 a 1 hoxe en día; a produtividade nos anos 40-50 veuse incentivada por un cambio tecnolóxico principalmente e non do capital, etc, etc). Na cima da pirámide e como cumio dos análises anteriores temos o modelo de teórico de coñecemento. O aglutinador e o que da sentido, o que conforma a identidade.

Eleximos un modelo ou outro co afán de explica-lo que sucede, porque comprendelo é o primeiro paso para poder modificalo. Ben. E aquí chega a crítica. Taibo fai moi ben os dous primeiros pasos pero o último non o realiza. Alomenos eu non o vin na súa exposición, e non foi por preguntar na ronda de preguntas.

Taibo ven dicíndonos que a Globalización non existe, que simplemente é poñerlle un nome bonito a un proceso imperialista controlado por 3 axentes. Si seguira subindo nesa pirámide do discurso antes mencionada, quizás se atoparía con outra xente: por exemplo Castells e Himanen co seu modelo de Sociedade Rede e Informacionalismo. Incluso ó seu mesmo nivel (o do análise dos datos) existen expertos que din que a globalización sí é un feito (interdependencia dos países e economías en diverso grado, a metáfora de aldea global é reveladora neste senso). Ademáis é un proceso dinámico e complexo: inflúen máis dos 3 axentes por él enumerados.

Por desgracia, todavía moita xente no “mundo alternativo”, xente dinámica que pode xerar cambios, cre neste discurso. Demasiada ideoloxía antiga (ideoloxía: construción de corpus teórico de creencias) hai “no movemento”. E pouca comprensión da realidade.

A globalización existe e consiste no…

proceso de mundialización dos asuntos que nos afectan: a aldea global. Deriva da movilidade das persoas e o capital, así como da ubicuidade da información

Entende-lo entorno é o primeiro paso para xerar alternativas que teñan efectos sobre a realidade. Hoxe en día fai falta ser proglobalizador tendo en conta que o proceso actual é deficiente. Pero a solución é abrirse paulatinamente, profundizar na globalización, non agocharse detrás de muros artificais. Unha vez esto claro podemos empezar a falar de propostas.

Resumo do relatorio de Carlos Taibo

A serie Mundialización da economía, sociedade e universidade comezou con Carlos Taibo. Francamente fiquei decepcionado polo seu relatorio, mais empezarei polo principio: expoñendo as súas teses. Logo, farei a miña crítica.

Xa se pode ve-lo vídeo da charla a través da plataforma UVigo TV. Tamén le-las crónicas do DUVI: presentación das xornadas e crónica da charla de Taibo. Empezamos aquí co resumo…

1 — Conceto de Globalización, según Carlos Taibo
Empeza o seu relatorio cunha aclaración ontolóxica, de onde estamos. Do que entende por Globalización.

  • Entende que a Globalización é un conceto alleo a nós, que ninguén nos pideu avaliar se nos interesa ou non. Que foi imposto.
  • Xurde da necesidade de lexitimación do Novo Orde Mundial proposta por Bush pai nos 90.
  • Simplemente é unha positivación de palabras xa antigas como Imperialismo ou Capitalismo.

Polo tanto non acepta o termo globalización a secas. Sendo esto así, sí acepta a globalización “con apelidos”: globalización capitalista ou globalización neoliberal tendo en conta as seguintes puntualizacións que se dan:

  • Primacía da especulación (móvense 60 veces máis recursos en especulación que en servizos e produtos)
  • Aceleración na fusión de capitais e concentración da riqueza (multiplicáronse por 7 nos últimos 15 anos)
  • Deslocalización de empresas
  • Desregulación, recuamento dos poderes públicos
  • Redes do crime organizado en auxe (si desaparecen as regras de xogo, son éstes os que se benefician)

A idea-matriz é que “a aposta da Globalización-Capitalista é a xeración dun paraíso fiscal de escala planetaria, prescindindo de consideracións sociais, medioambientais, etc“.

2 — Algúns efectos e mitos da Globalización-Capitalista, según Carlos Taibo

  • Non é un proceso descentralizado senón que é claramente controlado polos 3 centros de decisión mundial: Estados Unidos de América, Xapón e a Unión Europea. Feito que demostra con que das 45.000 empresas (maiores do mundo? non apuntei o dato), 37.000 son deses 3 centros.
  • Non reduce desigualdades. 3.000 millóns de persoas que viven con menos de 2dólares/día (50% da poboación mundial); 1.200 millóns con menos de 1dólar/día; as economías dos 48 estados máis pobres equivalen ás 3 meirandes fortunas persoais; según estatísticas do BM a relación entre o 20% da xente máis rica e o 20% da xente máis pobre era de 30 a 1 en 1970, de 60 a 1 en 1990 e de 90 a 1 hoxe en día.
  • Efectos políticos, o estado. As súas atribucións económico-sociais retroceden mentras que o control e o poderío militar aumenta.

E comeza cos movementos antiglobalización…

Mundialización da economía, da sociedade e da universidade

Durante novembro, a Universidade de Vigo, programou unha serie de relatorios moi interesantes ó meu parecer. Titúlanse… Mundialización da economía, da sociedade e da universidade. O programa é o seguinte:

  • A emigración galega: un antecedente da actual mundialización, por Xosé Neira Vilas. Martes 21.
  • Industria e mundialización, por Javier Riera. Xoves 23.

Dende aquí tratarei de facer seguemento ós relatorios na medida do posible. Do primeiro, en breve recibiredes noticias.

Vídeos das xornadas de enerxía

A universidade de Vigo posúe unha plataforma innovadora: Uvigo TV, un servizo de televisión por internet -como eles mesmos declaran- o que alomenos serve como unha mediateca de casi tódalas conferencias, relatorios, etc feitos na universidade.

Tivémo-la oportunidade de que grabasen as III xornadas de enerxía e desenvolvemento que realizamos días atrás (ver crónicas do día 1: propia e de indarki e a do día 2: propia). No tinteiro aínda teño pendentes algúns posts sobre os temas tratados: situación enerxética mundial, eficiencia enerxética ou relación entre enerxía e desenvolvemento.

Pero hoxe aínda non tocan, o tempo apremia e as actividades tamén. De momento, espero disfrutedes dos vídeos. Especialmente recomendados os de Alejandra Boni Aristizábal (educación para o desenvolvemento), José Cidrás Pidre (escenario enerxético mundial) e o de Jean Teum Visscher (transferencia de tecnoloxía).

A produtividade das TIC

codigo cero 48O #48 da revista Código Cero [PDF 1.37Mb] publica este mes un artigo meu, anteriormente aparecido neste blog. Titúlase Habitando unha sociedade pos-fordista: o informacionismo.

Nel trato de explica-lo contexto que nos rodea. Qué significa a Sociedade Rede e o Informacionismo. A Sociedade da Información e o Coñecemento. Concretando, qué significa que o motor da economía sexan hoxe os intanxibles.

Este artigo é o primeiro dunha serie que me propuxen facer para aclarar conceptos. Ás veces ocorre, que se non o escribes non o tes claro de todo. Os seguintes desta serie tratarán de desgranar de xeito conciso cales son as principais características deste tipo de economía, unha vez aclarado o contexto que nos rodea.

Así, navegando, buscando exemplos claros para citar (son un convencido do aprendizaxe a partir de casos) atopeime cun artigo de Lantania sobre a produtividade das TIC. Explicita algo do que terei que falar sen dúbida: cómo melloran as TIC a produtividade. E velaquí un exemplo claro:

É increíbel o aforro económico que supón a elusión das persoas na xestión de trámites burocráticos.

Coa certificación dixital, un cambio de enderezo fiscal, e unha simple vida laboral supoñen aforros cuantificables de horas de traballo e inxentes cantidade de papel inútil.

Cada minuto de uso de certificado dixital equivale a 3/4 de hora en tempo real realizando a mesma xestión en persoa nas oficinas dunha axencia, incluido o tempo de desprezamento, regreso, etc.

Seguimos buscando e redactando…

III xornadas: crónica do 2o día

Como xa dixen, o 2o día era o día práctico, dos proxectos. E tamén o de Jean Teum Visscher, a estrela das xornadas sen dúbida. A súa ponencia fora retrasada un día por mor dos retrasos nos avións. E quizáis foi mellor así, empezar ás 9 da mañán con el, xa que nos fixo desmorriñarnos do sofá, levantándonos e captando a nosa atención en todo momento.

Transferencia de tecnoloxía, titulábase a ponencia. E, de novo, igual que a de Paco Raigón á que acudíramos hai uns días, saco a colación o materialismo cultural de Harris. No fondo somos todos iguais, coas mesmas estratexias de supervivencia e necesidades, só que en cada entorno se envolven de forma diferente. A frase que resume a súa ponencia…

La técnica NO es una ley universal, siempre tiene sus raíces en la sociedad que la ha desarrollado para resolver un problema específico. La técnica es como la punta del iceberg. Y su base es la estructura de la sociedad.

Quen non teña claro este concepto, estará transferindo unha árbore sen raíces. Sigue Jean Teum explicando os modelos convencionais e modernos de transferencia de tecnoloxía. Indica unhas recomendacións e chegamos a unha fórmula que a min me ten abraiado, polo ben que condensa o proceso de aprendizaxe:

AC = I x f(E x H x A)

Onde o primeiro termo (I) é a información dispoñible, e o segundo (unha función das variables E, H, A) é a capacidade de un mesmo para procesa-la info dispoñible (E = experiencia, H = habilidade, A = actitude). Simple e arrebatadora.

Aínda consternados pola ponencia de Jean Teun empeza Pablo Osuna mostrando o proxecto EHAS. Este proxecto (EHAS – Enlace Hispano Americano de Saúde) consiste en mellora-la asistencia sanitaria do alto amazonas a través das telecomunicacións.

A continuación volve Teodoro Sánchez explicando a experiencia de Practical Action. Empeza por un breve repaso a tódalas fontes de enerxía utilizadas nos seus proxectos, e remata cunha serie de recomendacións obtidas da súa experiencia.

A continuación Enrique Orche, profesor da universidade de Vigo, fala da súa experiencia en proxectos de minería en Bolivia.
And last, but not the leastJaime Martí mostra a súa experiencia en proxectos de biogás en Bolivia, ademáis e para rematar fai un repaso dos clichés e erros máis abundantes nos proxectos de cooperación.

Para finaliza-lo evento organízase unha mesa redonda. Estivo un pouco frouxa para o nivel que mostraron o resto das xornadas.

Con esto remato a crónica do evento. Sei que non foi todo o reveladora que eu quixera. Pero non teño forzas para máis. Estou agotado pola intensidade do evento, e por todo o que aprendín. Pode que tamén por iso, as miñas defensas corporais se tomaran un descanso e leve dende o martes pola noite cunha gripe descomunal. Alomenos así teño tempo a repensar todo o aprendido dende a casa.

III xornadas: crónica do 1o día

O primeiro día das III xornadas de enerxía e desenvolvemento foi intenso e sucederon os primeiros imprevistos. Jan Visscher non chegaría a tempo para a súa charla: estaba retido en París polas novas normas da aviación que impiden levar líquidos a bordo.

¿Qué facer? Plan B. Alternativa. Enric Velo pasa a presentar a súa charla hoxe. Agora quedamos convencidos. Confirmado: estamos na aldea global, o que pase nun aeroporto francés afecta a unhas xornadas en Vigo.

Ben. Xa na crónica. Logo da densidade do día, non me vexo capaz de facer resumos de tódalas ponencias, polo tanto expoñerei aquí a miña impresión global de hoxe e en días posteriores irán xurdindo reflexións sobre o que se dixo en cada unha delas.

En xeral -e coa excepción de ponencias concretas que se non se adecuaron ó esperado- pareceume moi didáctico o enfoque top-down que adoptou o grupo organizador para o programa.

Top. A “situación mundial”: cómo xurden os obxectivos do milenio e en qué consisten. O obxectivo #8 como o que realmente incide nos mecanismos de gobernabilidade mundial: comercio, débeda, axuda oficial e transferencia de tecnoloxía.

Coas charlas de Alejandra Boni e Teodoro Sánchez empezamos a axusta-lo foco e centrámonos nun só dos puntos: a tecnoloxía. Cómo se deben implementar a tranferencia tecnolóxica para que ésta teña sentido.

Down. Pola tarde, e logo dun apurado café, entramos de cheo en materia: dende o escenario enerxético mundial ata a relación entre enerxía e desenvolvemento.

Mañán tocan os casos prácticos. E comezamos forte, pois estrenámonos co programa EHAS de telemedicina. Un proxecto de sanidade nunhas xornadas de enerxía? Pois sí. Tal e como hoxe quedou claro, o acceso á enerxía (as infraestruturas enerxéticas) son un aspecto tranversal para o desenvolvemento. Que permite dotar de servizos que aumentan a calidade de vida.

Enerxía e Desenvolvemento

Mañán comezan celébranse en Vigo as III xornadas nacionais de enerxía e desenvolvemento. As dúas primeiras (I xornadasII xornadas) tiveron lugar en Cataluña e foron organizadas pola asociación catalana Enginyeria Sense Fronteres. Desta, a asociación galega Enxeñería Sen Fronteiras tomou a iniciativa.

Para nós, a pesar de que xa temos experiencia na organización deste tipo de eventos, é un reto enorme. Eu non formo parte do comité organizador directamente, mais xa estou orgulloso de todo o traballo realizado! Agora toca visibilizalo estes dous días.
Eu asistirei como alumno, sen renunciar a botar unha man na loxística, claro! Pero ademáis, e xa que vou tendo certo coñecemento residual do sector da enerxía, marqueime como tarefa a de informar dende este blog da miña perspectiva persoal. Do que nos van contando. Nada corporativo. Só a visión dun alumno que asiste as conferencias. Espero vos sexa útil.

A vida política galega

A través de Chuza, acabo de descubri-la páxina orzamentaria da Xunta de Galicia.

Máis alá da pura discusión dos orzamentos 2007 quixera salientar a propia iniciativa de mostralos de forma pública e entendibles. Con afán de desexar que se entendan, non polo mero feito de mostralos e punto. Este cambio de actitude é o que se precisaba na vida política galega. Significa para min moito este nimio feito. É un gran avance. Ó ser públicos e non crípticos poderanse tanto auditar como critica-las partidas. Aínda que non o fagamos, existe a posibilidade.

Hoxe estou contento.

O materialismo cultural na identificación de proxectos de cooperación

¿Qué ten que ver Marvin Harris cos proxectos de cooperación?

Logo da magnífica charla de Paco Raigón teño que dicir que moito. Mais non só cos de cooperación. Ser un pouco antropólogos axuda a comprende-la realidade. Perlas como ésta quedan aínda na miña mente…

La agricultura es una de las herramientas culturales desarrolladas por el hombre para interactuar con el medio ambiente, desarrollada para satisfacer sus necesidades en el proceso de supervivencia evolutivo.

O taller estaba enfocado a entende-lo proceso de identificación de proxectos de cooperación no sector agropecuario. Pero os temas expostos desbordaron esa amplia fronteira.

De todo o exposto quédome -como non facelo- coa cartografía das redes de persoas da comunidade (imprescindibles para entende-la aceptación de propostas e ter éxito no proxecto) e cos perfiles porcentuais de caracterización das persoas.

Moitas veces sorpréndeme ver que na realización de certos proxectos non se ten en conta que vivamos onde vivamos, temos unhas mesmas estratexias de supervivencia (aínda que varíen os bens e condicións de vida expostos) e unha disposición similar para adaptarnos ós cambios: en todos lados os hai innovadores, conservadores, progresistas… e todo depende dos incentivos e riscos que se nos vaian no proceso.

En parte, por isto se fai necesaria unha ollada en clave de materialismo cultural para a cooperación, porque é o enfoque adecuado para comprende-la realidade allea. Fóra de clichés e máis alá do relativismo cultural.

Déixovos a presentación [PDF 1.2Mb] para que a disfrutedes. Aínda que nunca será o mesmo que presencia-lo taller, face-la dinámica e come-los bananos!