TDT VS IPTV: a batalla pola interactividade e a colaboración

A pasada semana estiven nun curso de verán organizado polo grupo de Novos Medios, da Facultade de Xornalismo da USC. Os contidos foron realmente moi interesantes e os ponentes de calidade: a maioría tiña algo que dicir e sabía cómo facelo; aspectos a destacar nun mundo cheo de cursos para cubrir currículos. Moitas ideas que sintetizar aínda, pero sirva como adianto o seguinte exercicio de futuroloxía.

Logo de que os directivos dos consorcios galegos de TDT (os que teñen licencias para emitir en Galicia) presentaran a súa visión sobre a implantación e futuro da mesma, teño a sensación de que a TDT (ver infografía) é unha tecnoloxía que nace morta. Vaporware, como ocorreu no seu momento coa excesiva propaganda en torno ó 3G e que aínda hoxe non ten un uso elevado nin modelo de negocio asociado que a rentabilice. Máis aínda coa emerxencia das tecnoloxías Wireless: WiFi, WiMax, … que permiten a creación dunha infraestrutura para a conexión ubicua de baixo coste.

As actitudes dos ponentes poderían resumirse en..

non sabemos cómo rentabilizala nin qué facer con ela, pero temos que estar na TDT

Principalmente teñen 2 problemas:

  • os altos costes iniciais para dotarse de unha cobertura xeralista (en torno ó 98%). Aquí o debate está en quen pon os cartos sobre a mesa para a acometida.. o estado? as empresas que rentabilizarán o negocio? consorcios público-privados? Non está nada claro aínda a estas alturas.
  • xestión dos contidos e publicidade nun mundo de micronichos. Pasar de audiencias do 30% de share ó 3% supón un cambio ó que os medios non saben cómo adaptarse. Deben crear canles de micronicho, mais aínda non teñen claro o modelo de negocio neste novo entorno.

Os ponentes dixeron abertamente que non tiñan previsto emitir “nada serio” antes do 2010, a pesar do “apagón analóxico” planificado polo estado, que prentendía adiantarse dous anos á data límite marcada pola directiva europea (2012) e realizar nese ano o apagón (o que debería indicar unha predisposición dos medios para ter pensado xa o seu modelo de negocio).

Pero mais alá destes 2 factores cruciais, a min chámame poderosamente a atención unha cousa: a integración na TDT dos contidos xerados polos usuarios. Porque si algo permanece primordialmente das charlas de Rosa Franquet e Isidro Moreno foron as ideas de que:

  • os usuarios desexan que se lles permita a interacción e colaboración: convertimonos en consumidores activos, como nos veñen demostrando as diversas plataformas de internet como flickr, youtube, etc… que rentabilizan os contidos xerados polos usuarios con modelos de negocio baseados na publicidade ou en cobrar cuotas por melloras no servizo básico.
  • a interactividade pode dividirse en: selectiva (ex: trivial), transformativa (ex: xogos clásicos de ordenador), constructiva (ex: second life). Na última, os xestores da aplicación non diseñan o que o usuario pode facer, senón que o dotan de ferramentas para que el faga. A máis atractiva das interactividades é a constructiva.

Con este par de ideas e extrapolando os consumos de medios (tv, radio, internet, …) ó 2012 según os perfís de idade.. podemos facernos algunha que outra pregunta… ¿para qué desexarían usar a TDT os usuarios da Net generation (ou nativos dixitais) nun mundo hiperconectado e con plataformas para socializa-los seus propios contidos? ¿Será a xeración dos seus pais a que salve a TDT?… ¿por canto tempo?

Tendo en conta que a TDT permite unha interactividade moi restrinxida (só selección do existente) cabe preguntarse seriamente si a TDT non é unha tecnoloxía fracasada no tocante ó seu uso previsto. Por lexislación, sustitutiva da analóxica, pero fracasada. É salientable que quen máis presión está a facer para que se implante dunha vez sexan as operadoras telefónicas… para poder usar as frecuencias que hoxe ocupan as televisión analóxicas. O resto dos actores non moven ficha.

Neste sentido, e si logra achegar unha definición similar á TDT, a IPtv ten moito que dicir e pode posicionarse como a gañadora do tempo dos usuarios.

A favor ten tanto que os custos de implantación son mínimos comparados coa TDT e a súa cobertura vai parella á previsible extensión de cobertura de internet (aínda hoxe escasa). Por outra banda, en canto ós contidos.. no ecosistema internet existe xente moi habituada á rentabilización dos contidos xerados polo usuario e á xestión dos micronichos. As ferramentas xa existen e parece que todo xoga ó seu favor. De feito, Óscar Sacristán, director de LambdaStream, apostou por un mundo onde as ferramentas sociais chegan á televisión e a interactividade constructiva se impón. Xurdirán como resposta á fragmentación e abundancia de canles e opcións, ó igual que sucedeu en internet. Así, chegará un día no que nos sentemos fronte á pantalla e seleccionemos algún dos programas que nos recomendan os nosos contactos a través das ferramentas sociais adaptadas á pantalla e non o que nos programen os directivos dos mass-media. Xa non queremos “mass-media”… senón “meus-media”: personalización, personalización, personalización.

O reto que debe afrontar a TDT é integrar os contidos xerados polos usuarios, porque nun mundo de abundancia, a escasez non é suficiente na loita por capta-lo tempo do usuario.

Cea e futuro en Pontevedra

Este domingo, Fran e máis eu tivemos a sorte de poder tomar unhas cañas con Olga e Felipe, do Laboratorio de Innovación Social.

Foron unhas conversas moi agradables, tanto que non se me pasou pola cabeza sacar fotos (mais gracias a que Olga está en todo.. a pesar de estar en modo “baixo consumo“, temos retrato :D). Non collín a cámara porque estaba concentrado en cada palabra que dicían, en cada historia que contaban do LIS.

A iniciativa do Laboratorio de innovación social é algo que levo tempo seguindo e que consiste nunha serie de talleres por toda España para amosar as posibilidades dos blogs no terceiro sector. Posteriormente, os que o desexen, poden realizar un taller virtual acompañados por ambos tutores. O LIS é moi necesario, espero que todo lles vaia tan ben como se merecen.

Pola miña parte, apuntei xa na cea algúns dos motores de futuro que me moverán a partir deste punto.

O dito. Gracias pola cea e boa viaxe! .. x certo, a próxima vez xa sabedes: escollede autopista! 😉

Formación artesana e universidade

To became a member of the community of architects requires an ability to learn to view the world as an architect and to use architect’s tools in a professional way. This can happen only by observing and interacting with experienced architects within the context of a studio.

Internet, innovation and OpenSource: Actors in the network. Ilkka Tuomi.

Este verán escribo pouco, pero é que acabo de integrarme nunha comunidade de enxeñeiros de software, aprendendo. Pensando tamén sobre un modelo de formación na Sociedade da Información.

Niso estou mentres David de Ugarte escribe de novo sobre o OLPC … e o modelo de educación asociado. El fala da escola, eu da universidade, mais a ambos nos move a reflexión sobre o espíritu artesanal na educación. Así, aproveito para liberar un post que levaba tempo en borrador: cómo debe ser a universidade na era da información?

O ROL DOS “PROFESORES”

  • De diseñadores curriculares a cultivadores de capacidades.

O profesorado debe pasar de planifica-las actividades dos estudiantes a tratar de orientalos, convertirse en guías dos alumnos tratando de sacar o seu máximo potencial. Deben transformarse de meros oradores de textos en clase a dinamizadores da comunidade que é a asignatura.

  • De creadores de materiais á selección entre os existentes.

Este punto está moi relacionado co anterior. Cando un profesor é guía e non xefe, non pode aspirar a ter unha colección de apuntes para cada un dos modos de aprender e necesidades dos estudiantes. Mais esto xa non é problema, gracias a internet e a iniciativas como o Open Course Ware do MIT (e unha similar a nivel español Materiais abertos da UOC) que liberan os seus materiais e os poñen a disposición pública existen os medios para acceder a materiais de calidade.

Por qué non seguir aquí tamén a filosofía bricoleur de reutilización do material existente?

O MODELO DE APRENDIZAXE

  • Forte componente práctica.

No mundo do software parece claro que é posible: integrarse en comunidades de software libre é unha oportunidade para os aprendices de informática, interactuar con expertos e traballar en entornos reais. Mais non é o software o único campo. Sabían que nunha asignatura da universidade de Nova York teñen que crear e xestionar un banco … en Second Life! Qué mellor forma de aprender? Temos ferramentas para traballar coa información só precisamos imaxinar cómo usalas.

  • A asignatura como comunidade.

O profesor debe entender a asignatura como unha comunidade de aprendizaxe. Esto implica como xa dixen que se convirta en guía, pero tamén que a súa labor consiste en proporcionar as ferramentas necesarias ós alumnos … e deixar que eles interactúen entre eles.

Escribo estas ideas soltas supoñendo que a universidade siga sendo o entorno adecuado para conseguir unha formación adecuada na sociedade da información. Pero se non fose así? Cómo sería un currículo na sociedade pos-moderna?