in All, Galego

Boiro, infraestruturas e turismo

Turismo en Boiro
Domingo 28 de maio. Ano 2006. Un calor sofocante. As praias da comarca do Barbanza abarrotadas. Como tódolos veráns. Cada vez máis Arousa Norte é un destino apetecible para os turistas. E tamén para os atascos.

Este fin de semana xa se sufriron os primeiros atascos na Vía Rápida que une Ribeira e Padrón. Aínda que a localidade máis afectada foi a de Noia.

Por suposto este é un simulacro do que será este verán. Só iso, porque a estas alturas, a afluencia de xente non é nada comparado cos meses claves para o “turismo estacional” que lle chaman. Un dato significativo: dous dos bares de Boiro de maior afluencia están agora de vacacións, por reformas ou descanso do persoal. Preparándose para o que está por vir.
O verán promete, e será máis conflitivo que os anteriores por dúas razóns principais: o aumento da presión poboacional sobre a vila de Boiro e a redución dos carrís lentos á altura de Rianxo, as conocidas curvas de Vilas.

O das curvas de Vilas darían para un blog enteiro: Nacemento e historia da Vía Rápida do Barbanza. As curvas de vilas, un tramo mortal. Dende a construción inicial chea de peraltes ó reves e curvas imposibles ata a eterna demora no desdoblamento e mellora da carretera… Pero o segundo factor é o que máis me interesa para o que quero resaltar. O aumento da densidade poboacional, ou da presión do ladrillo sobre a costa.

Escarabote
A economía de Boiro -ó igual que os veciños do Barbanza- depende en gran medida do ladrillo, turismo e conserveiras. Sufrindo éstas últimas un proceso de deslocalización máis ou menos forte. A construción de vivendas multifamiliares a menos de 100m da costa é un feito que atinxe sobre todo á zona de Escarabote (situada no tramo Boiro-Pobra do Caramiñal), sen desmerecer outras zonas do concello.

Estas vivendas adícanse sobre todo a 2ª residencia. Xente de Compostela e arredores, pero non só. A presión sobre a costa -e sobre o prezo da vivenda- aumentou desmesuradamente a golpe de Plan Urbanístico. E non se contou co adecuado dimensionamento dos servizos e as infraestruturas. Xa non só das carreteras, senón tamén da auga, servizos de alcantarillado, etc
O que vimos este fin de semana non é un feito puntual, senón que é consecuencia dun determinado modelo de desenvolvemento. Un modelo de pan para hoxe e fame para mañán. Algo que se agravará este verán máis que nunca polo crecemento sin control das vivendas a pé de plaia.

Non se pode abordar unha posible solución ó problema dos atascos, perdas de auga, mal saneamento, etc sen repensar o desenvolvemento e progreso da zona. Cando todo o mundo trata de informacionalizar a súa economía (investimento en I+D, servizos, etc) nós aínda dependemos en gran medida do modelo de ladrillo e turismo estival.

Leave a Reply