Nos tempos que corren as leis de Moore e Metcalfe quedáronse obsoletas. Aparecen novos termos por doquier e ás veces é complexo manterse ó día no léxico da tecnosfera.
Mais estes días acabo de comprender un deles en todo o seu apoxeo: a Web 2.0. Hai algún tempo que o coñezo, o uso e incluso poño algúns exemplos do que sería a Web 2.0, mais agora compréndoa (si se pode dicir algo tan pretencioso dun termo, claro está).
A Web 2.0 non se refire a un salto cualitativo nas tecnoloxías que subxacen na rede. É algo moito máis profundo, de filosofía, de estilo: proclama unha nova forma de producir, distribuir e consumir contidos para a web. Agora as tres etapas fanse de xeito distribuido, é dicir, entre todos. Non hai centros. Ten que ver máis cos bazares que coas catedrais, que diría Raymond.
Como moi ben dixo PJorge: “A Web 1.0 consúmese, a 2.0 úsase.”
Os exemplos…
» A MÚSICA. Na Web 1.0 baixamos a música de servidores tipo mp3.com (correxido: puxen mp3.com no lugar de Napster, que é un P2P), na 2.0 usamos clientes Peer To Peer tipo e-Mule, bitTorrent nos que ademáis de consumir (descargar pelis, música, …) podemos producir (nós mesmos convertímonos en servidores, distribuimos o que posuímos).
» A INFORMACIÓN. Na Web 1.0 as novas encontrábanse centralizadas en portais de grandes compañías tipo Terra. Na 2.0 usamos distintos canais de información distribuida onde ademáis de consumir info tamén a “creamos”: blogs de confianza para ler (o noso propio para producir); sitios como Barrapunto, Chuza!, Arredemo, …
Así pois, estamos ante un cambio no uso da web e no aproveitamento das súas ferramentas (por exemplo do tan manido RSS), aquelas que potencian a creación de redes sociais.
Agora ben.. ¿está este “novo” paradigma creando novos modelos de sociedade?