Relatorios mundialización na UVigo

Co último post de crítica á charla de Xavier Vence, remato a cobertura dos relatorios: Mundialización da economía, sociedade e universidade realizados en Novembro na UVigo.

O do martes pasado suspendeuse ata novo aviso e ó de hoxe non puiden asistir. Así, a cobertura queda nun 50% do prometido.

Déixovos como guía o índice das charlas, con enlaces ós resumos, críticas, vídeos e crónicas do DUVI.

Crítica ó relatorio de Vence

Logo dunha semana, expoño aquí a crítica á charla de Xavier Vence: A globalización e a patria do capital periférico. Leccións para unha política industrial. Xa se pode ler a crónica do DUVI e ve-lo vídeo da charla.

Pouco teño que dicir a Vence, xa que comezou cunha clara declaración de intencións:

falará das ameazas para unha economía periférica como a galega.

Cando rematou o seu relatorio, a maioría dos asistentes (ben poucos éramos) quedamos coa sensación de que Xavier Vence defendía que a globalización estaba xerando soamente ameazas e destruindo as economías periféricas. E as preguntas foron encamiñadas nese sentido.

Unha vez realizado o debate, o sentemento era distinto, vimos a súa cara amable e nada apocalíptica: a globalización non só trae consigo ameazas, senón tamén oportunidades. Púxose como exemplo Citröen e os coñecementos en áreas de organización de empresas e da produción. Eu engado agora tamén a área de automatización.

Estas áreas universitarias, víronse favorecidas pola chegada da empresa e das súas necesidades (tanto internas, como nas relacións cos seus proveedores). Este feito foi clave para que hoxe en día, as dúas áreas mencionadas sexan das mellor valoradas na universidade de vigo, e poidan a partir dahí diversificar a súa oferta (non só atender ó sector do automóvil) e favorecer a chegada de novas empresas. A ninguén se lle debería escapar que a inminente chegada de empresas xaponesas ó complexo CITEXVI, vén dada polo exposto anteriormente, ademáis de pola calidade dos graduados na Escola de Telecomunicacións da UVigo.

Así vemos fácilmente cómo se poden xerar dinámicas de progreso nun entorno xeográfico, aproveitando a globalización. Por outra banda, o certo é que Galicia debe renunciar a competir en certos sectores (man de obra barata por exemplo) e centrarse en apenas uns poucos sectores e empresas estratéxicas. A cuestión é cómo guia-lo proceso de reconversión.

Non se pode na aldea global matar unha mosca a cañonazos, non se pode competir en tódolos sectores e tódalas empresas. Debemos ir cara a competencia nos sectores motores da economía: os informacionais. Audiovisual e I+D nas empresas, pero tamén naqueles en que temos os recursos necesarios que non se poden deslocalizar: agropecuario e enerxético.

En definitiva, debemos fomentar menos o discurso apocalíptico e máis o integrado. O traballo consiste en aproveitar a globalización para xerar benestar. Hoxe, toca ser proglobalizador.

Xabier Vence e os retos da política industrial galega

Seguimos coas crónicas dos relatorios de Mundialización da economía, da sociedade e da universidade, que empezámo-la semana pasada. Ó igual que para a de Carlos Taibo, farei resumo e crítica.

Xavier Vence comeza contextualizando do que vai falar. Deixa claro que coa globalización preséntanse oportunidades e ameazas para as economías. El falará das ameazas para unha economía periférica como a galega.
Primeiro, insiste en separar dous tipos de problemas que a miúdo se unen:

  1. a relación entre a propiedade do capital e a localización da sede da empresa
  2. a localización do proceso produtivo

Enumera as consecuencias do problema #1, indicando ademáis, que éstas se olvidan case sempre, pois soen ser a medio e longo plazo.

  • concentración do poder económico (onde se sitúan as sedes) con consecuencias económicas, pero tamén políticas e sociais
  • mudanzas no proceso de decisión das empresas
  • varía a centralidade do proceso de acumulación do capital: localización da xeración dos investimentos (invírtese alí onde está a sede)
  • a localización das actividades tecnolóxicas principais (I+D) tenden a estar ubicadas na sede
  • reubicación de emprego de alto nivel
  • localización dos impostos societarios

A continuación, relata cómo inflúe a localización da produción nunha economía: Continue reading

Crítica a Taibo. Por un movemento proglobalizador.

En primeiro termo dicir que a charla de Taibo estivo ben organizada e nas preguntas foi moi cordial: as formas ás veces son o fondo e Taibo presentouse como un señor. Explicou paso por paso as súas ideas e con numerosos e gratificantes exemplos (os “cotilleos” do movemento). Con ánimo de facerse entender. Pero carecía dun discurso global, dunha reflexión profunda da sociedade actual a partir da cal realizar propostas de acción. Entende-lo mundo que nos rodea para propoñer. Ben ó caso o que dicía Mao…

un home sen información, carece de opinión

A miña crítica á súa charla é ontolóxica, de modelo de coñecemento. Estou dacordo cos datos que presenta e tamén coas análises parciais. Pero non co modelo xeral construido a partir deles.

Na base da pirámide do discurso dun activista temos os datos en bruto (estatísticas de diferentes organismos). A partir deses datos formúlanse os análises dos datos pertinentes (a concentración da riqueza aumentou por 7 nos últimos 15 anos; a relación entre o 20% da xente máis rica e o 20% da xente máis pobre era de 30 a 1 en 1970, de 60 a 1 en 1990 e de 90 a 1 hoxe en día; a produtividade nos anos 40-50 veuse incentivada por un cambio tecnolóxico principalmente e non do capital, etc, etc). Na cima da pirámide e como cumio dos análises anteriores temos o modelo de teórico de coñecemento. O aglutinador e o que da sentido, o que conforma a identidade.

Eleximos un modelo ou outro co afán de explica-lo que sucede, porque comprendelo é o primeiro paso para poder modificalo. Ben. E aquí chega a crítica. Taibo fai moi ben os dous primeiros pasos pero o último non o realiza. Alomenos eu non o vin na súa exposición, e non foi por preguntar na ronda de preguntas.

Taibo ven dicíndonos que a Globalización non existe, que simplemente é poñerlle un nome bonito a un proceso imperialista controlado por 3 axentes. Si seguira subindo nesa pirámide do discurso antes mencionada, quizás se atoparía con outra xente: por exemplo Castells e Himanen co seu modelo de Sociedade Rede e Informacionalismo. Incluso ó seu mesmo nivel (o do análise dos datos) existen expertos que din que a globalización sí é un feito (interdependencia dos países e economías en diverso grado, a metáfora de aldea global é reveladora neste senso). Ademáis é un proceso dinámico e complexo: inflúen máis dos 3 axentes por él enumerados.

Por desgracia, todavía moita xente no “mundo alternativo”, xente dinámica que pode xerar cambios, cre neste discurso. Demasiada ideoloxía antiga (ideoloxía: construción de corpus teórico de creencias) hai “no movemento”. E pouca comprensión da realidade.

A globalización existe e consiste no…

proceso de mundialización dos asuntos que nos afectan: a aldea global. Deriva da movilidade das persoas e o capital, así como da ubicuidade da información

Entende-lo entorno é o primeiro paso para xerar alternativas que teñan efectos sobre a realidade. Hoxe en día fai falta ser proglobalizador tendo en conta que o proceso actual é deficiente. Pero a solución é abrirse paulatinamente, profundizar na globalización, non agocharse detrás de muros artificais. Unha vez esto claro podemos empezar a falar de propostas.

Resumo do relatorio de Carlos Taibo

A serie Mundialización da economía, sociedade e universidade comezou con Carlos Taibo. Francamente fiquei decepcionado polo seu relatorio, mais empezarei polo principio: expoñendo as súas teses. Logo, farei a miña crítica.

Xa se pode ve-lo vídeo da charla a través da plataforma UVigo TV. Tamén le-las crónicas do DUVI: presentación das xornadas e crónica da charla de Taibo. Empezamos aquí co resumo…

1 — Conceto de Globalización, según Carlos Taibo
Empeza o seu relatorio cunha aclaración ontolóxica, de onde estamos. Do que entende por Globalización.

  • Entende que a Globalización é un conceto alleo a nós, que ninguén nos pideu avaliar se nos interesa ou non. Que foi imposto.
  • Xurde da necesidade de lexitimación do Novo Orde Mundial proposta por Bush pai nos 90.
  • Simplemente é unha positivación de palabras xa antigas como Imperialismo ou Capitalismo.

Polo tanto non acepta o termo globalización a secas. Sendo esto así, sí acepta a globalización “con apelidos”: globalización capitalista ou globalización neoliberal tendo en conta as seguintes puntualizacións que se dan:

  • Primacía da especulación (móvense 60 veces máis recursos en especulación que en servizos e produtos)
  • Aceleración na fusión de capitais e concentración da riqueza (multiplicáronse por 7 nos últimos 15 anos)
  • Deslocalización de empresas
  • Desregulación, recuamento dos poderes públicos
  • Redes do crime organizado en auxe (si desaparecen as regras de xogo, son éstes os que se benefician)

A idea-matriz é que “a aposta da Globalización-Capitalista é a xeración dun paraíso fiscal de escala planetaria, prescindindo de consideracións sociais, medioambientais, etc“.

2 — Algúns efectos e mitos da Globalización-Capitalista, según Carlos Taibo

  • Non é un proceso descentralizado senón que é claramente controlado polos 3 centros de decisión mundial: Estados Unidos de América, Xapón e a Unión Europea. Feito que demostra con que das 45.000 empresas (maiores do mundo? non apuntei o dato), 37.000 son deses 3 centros.
  • Non reduce desigualdades. 3.000 millóns de persoas que viven con menos de 2dólares/día (50% da poboación mundial); 1.200 millóns con menos de 1dólar/día; as economías dos 48 estados máis pobres equivalen ás 3 meirandes fortunas persoais; según estatísticas do BM a relación entre o 20% da xente máis rica e o 20% da xente máis pobre era de 30 a 1 en 1970, de 60 a 1 en 1990 e de 90 a 1 hoxe en día.
  • Efectos políticos, o estado. As súas atribucións económico-sociais retroceden mentras que o control e o poderío militar aumenta.

E comeza cos movementos antiglobalización… Continue reading

Mundialización da economía, da sociedade e da universidade

Durante novembro, a Universidade de Vigo, programou unha serie de relatorios moi interesantes ó meu parecer. Titúlanse… Mundialización da economía, da sociedade e da universidade. O programa é o seguinte:

  • A emigración galega: un antecedente da actual mundialización, por Xosé Neira Vilas. Martes 21.
  • Industria e mundialización, por Javier Riera. Xoves 23.

Dende aquí tratarei de facer seguemento ós relatorios na medida do posible. Do primeiro, en breve recibiredes noticias.

Vídeos das xornadas de enerxía

A universidade de Vigo posúe unha plataforma innovadora: Uvigo TV, un servizo de televisión por internet -como eles mesmos declaran- o que alomenos serve como unha mediateca de casi tódalas conferencias, relatorios, etc feitos na universidade.

Tivémo-la oportunidade de que grabasen as III xornadas de enerxía e desenvolvemento que realizamos días atrás (ver crónicas do día 1: propia e de indarki e a do día 2: propia). No tinteiro aínda teño pendentes algúns posts sobre os temas tratados: situación enerxética mundial, eficiencia enerxética ou relación entre enerxía e desenvolvemento.

Pero hoxe aínda non tocan, o tempo apremia e as actividades tamén. De momento, espero disfrutedes dos vídeos. Especialmente recomendados os de Alejandra Boni Aristizábal (educación para o desenvolvemento), José Cidrás Pidre (escenario enerxético mundial) e o de Jean Teum Visscher (transferencia de tecnoloxía).

III xornadas: crónica do 2o día

Como xa dixen, o 2o día era o día práctico, dos proxectos. E tamén o de Jean Teum Visscher, a estrela das xornadas sen dúbida. A súa ponencia fora retrasada un día por mor dos retrasos nos avións. E quizáis foi mellor así, empezar ás 9 da mañán con el, xa que nos fixo desmorriñarnos do sofá, levantándonos e captando a nosa atención en todo momento.

Transferencia de tecnoloxía, titulábase a ponencia. E, de novo, igual que a de Paco Raigón á que acudíramos hai uns días, saco a colación o materialismo cultural de Harris. No fondo somos todos iguais, coas mesmas estratexias de supervivencia e necesidades, só que en cada entorno se envolven de forma diferente. A frase que resume a súa ponencia…

La técnica NO es una ley universal, siempre tiene sus raíces en la sociedad que la ha desarrollado para resolver un problema específico. La técnica es como la punta del iceberg. Y su base es la estructura de la sociedad.

Quen non teña claro este concepto, estará transferindo unha árbore sen raíces. Sigue Jean Teum explicando os modelos convencionais e modernos de transferencia de tecnoloxía. Indica unhas recomendacións e chegamos a unha fórmula que a min me ten abraiado, polo ben que condensa o proceso de aprendizaxe:

AC = I x f(E x H x A)

Onde o primeiro termo (I) é a información dispoñible, e o segundo (unha función das variables E, H, A) é a capacidade de un mesmo para procesa-la info dispoñible (E = experiencia, H = habilidade, A = actitude). Simple e arrebatadora.

Aínda consternados pola ponencia de Jean Teun empeza Pablo Osuna mostrando o proxecto EHAS. Este proxecto (EHAS – Enlace Hispano Americano de Saúde) consiste en mellora-la asistencia sanitaria do alto amazonas a través das telecomunicacións.

A continuación volve Teodoro Sánchez explicando a experiencia de Practical Action. Empeza por un breve repaso a tódalas fontes de enerxía utilizadas nos seus proxectos, e remata cunha serie de recomendacións obtidas da súa experiencia.

A continuación Enrique Orche, profesor da universidade de Vigo, fala da súa experiencia en proxectos de minería en Bolivia.
And last, but not the leastJaime Martí mostra a súa experiencia en proxectos de biogás en Bolivia, ademáis e para rematar fai un repaso dos clichés e erros máis abundantes nos proxectos de cooperación.

Para finaliza-lo evento organízase unha mesa redonda. Estivo un pouco frouxa para o nivel que mostraron o resto das xornadas.

Con esto remato a crónica do evento. Sei que non foi todo o reveladora que eu quixera. Pero non teño forzas para máis. Estou agotado pola intensidade do evento, e por todo o que aprendín. Pode que tamén por iso, as miñas defensas corporais se tomaran un descanso e leve dende o martes pola noite cunha gripe descomunal. Alomenos así teño tempo a repensar todo o aprendido dende a casa.

III xornadas: crónica do 1o día

O primeiro día das III xornadas de enerxía e desenvolvemento foi intenso e sucederon os primeiros imprevistos. Jan Visscher non chegaría a tempo para a súa charla: estaba retido en París polas novas normas da aviación que impiden levar líquidos a bordo.

¿Qué facer? Plan B. Alternativa. Enric Velo pasa a presentar a súa charla hoxe. Agora quedamos convencidos. Confirmado: estamos na aldea global, o que pase nun aeroporto francés afecta a unhas xornadas en Vigo.

Ben. Xa na crónica. Logo da densidade do día, non me vexo capaz de facer resumos de tódalas ponencias, polo tanto expoñerei aquí a miña impresión global de hoxe e en días posteriores irán xurdindo reflexións sobre o que se dixo en cada unha delas.

En xeral -e coa excepción de ponencias concretas que se non se adecuaron ó esperado- pareceume moi didáctico o enfoque top-down que adoptou o grupo organizador para o programa.

Top. A “situación mundial”: cómo xurden os obxectivos do milenio e en qué consisten. O obxectivo #8 como o que realmente incide nos mecanismos de gobernabilidade mundial: comercio, débeda, axuda oficial e transferencia de tecnoloxía.

Coas charlas de Alejandra Boni e Teodoro Sánchez empezamos a axusta-lo foco e centrámonos nun só dos puntos: a tecnoloxía. Cómo se deben implementar a tranferencia tecnolóxica para que ésta teña sentido.

Down. Pola tarde, e logo dun apurado café, entramos de cheo en materia: dende o escenario enerxético mundial ata a relación entre enerxía e desenvolvemento.

Mañán tocan os casos prácticos. E comezamos forte, pois estrenámonos co programa EHAS de telemedicina. Un proxecto de sanidade nunhas xornadas de enerxía? Pois sí. Tal e como hoxe quedou claro, o acceso á enerxía (as infraestruturas enerxéticas) son un aspecto tranversal para o desenvolvemento. Que permite dotar de servizos que aumentan a calidade de vida.

Enerxía e Desenvolvemento

Mañán comezan celébranse en Vigo as III xornadas nacionais de enerxía e desenvolvemento. As dúas primeiras (I xornadasII xornadas) tiveron lugar en Cataluña e foron organizadas pola asociación catalana Enginyeria Sense Fronteres. Desta, a asociación galega Enxeñería Sen Fronteiras tomou a iniciativa.

Para nós, a pesar de que xa temos experiencia na organización deste tipo de eventos, é un reto enorme. Eu non formo parte do comité organizador directamente, mais xa estou orgulloso de todo o traballo realizado! Agora toca visibilizalo estes dous días.
Eu asistirei como alumno, sen renunciar a botar unha man na loxística, claro! Pero ademáis, e xa que vou tendo certo coñecemento residual do sector da enerxía, marqueime como tarefa a de informar dende este blog da miña perspectiva persoal. Do que nos van contando. Nada corporativo. Só a visión dun alumno que asiste as conferencias. Espero vos sexa útil.