O primeiro día das III xornadas de enerxía e desenvolvemento foi intenso e sucederon os primeiros imprevistos. Jan Visscher non chegaría a tempo para a súa charla: estaba retido en París polas novas normas da aviación que impiden levar líquidos a bordo.
¿Qué facer? Plan B. Alternativa. Enric Velo pasa a presentar a súa charla hoxe. Agora quedamos convencidos. Confirmado: estamos na aldea global, o que pase nun aeroporto francés afecta a unhas xornadas en Vigo.
Ben. Xa na crónica. Logo da densidade do día, non me vexo capaz de facer resumos de tódalas ponencias, polo tanto expoñerei aquí a miña impresión global de hoxe e en días posteriores irán xurdindo reflexións sobre o que se dixo en cada unha delas.
En xeral -e coa excepción de ponencias concretas que se non se adecuaron ó esperado- pareceume moi didáctico o enfoque top-down que adoptou o grupo organizador para o programa.
Top. A “situación mundial”: cómo xurden os obxectivos do milenio e en qué consisten. O obxectivo #8 como o que realmente incide nos mecanismos de gobernabilidade mundial: comercio, débeda, axuda oficial e transferencia de tecnoloxía.
Coas charlas de Alejandra Boni e Teodoro Sánchez empezamos a axusta-lo foco e centrámonos nun só dos puntos: a tecnoloxía. Cómo se deben implementar a tranferencia tecnolóxica para que ésta teña sentido.
Down. Pola tarde, e logo dun apurado café, entramos de cheo en materia: dende o escenario enerxético mundial ata a relación entre enerxía e desenvolvemento.
Mañán tocan os casos prácticos. E comezamos forte, pois estrenámonos co programa EHAS de telemedicina. Un proxecto de sanidade nunhas xornadas de enerxía? Pois sí. Tal e como hoxe quedou claro, o acceso á enerxía (as infraestruturas enerxéticas) son un aspecto tranversal para o desenvolvemento. Que permite dotar de servizos que aumentan a calidade de vida.