Ciberguerras e software libre

Hai uns días saltaba á prensa o caso dos ataques informáticos que recibiron os sistemas de Estonia. Na súa maioría a sistemas públicos, aínda que tamén a algunha entidade privada. De tal magnitude que a OTAN enviou a un enviado especial á rexión. Non tanto para axudar, como para aprender do caso estonio.

O ataque en sí foi un DDOS (ataque de denegación de servicio distribuido) que consiste en bloquea-los sistemas informáticos a base de facerlles múltiples peticións (Denial Of Service). Múltiples peticións que veñen de múltiples computadoras (Distributed DOS). Puro swarming.

Para a realización de ataques DDOS, en primeira instancia débese conseguir unha rede de computadores dende a que facelo (netbot). Os principais candidatos a ser membros destas redes son os usuarios con sistemas de seguridade descoidados: ben por falta de parches para os erros de seguridade, ben por desidia. Os atacantes, toman o control deses computadores e úsanos como plataforma para lanzar os seus programas. Os métodos son os mesmos que os usados para o envío masivo de spam.

Unha vez atendida a tipoloxía do ataque (ver tamén os datos), é sinxelo comprender que -a pesar das medidas que se poidan tomar nos servidores destino do ataque- a potencia do mesmo radica no número de computadores cautivos da netbot (ata un millón parecen ser os usados neste caso). Por isto, a robustez contra ataques informáticos DDOS radica máis en aumenta-la seguridade do usuario medio que de grandes gastos nos servidores atacados.

Como indicaron Bruce Schneier e compañía hai anos: o monocultivo informático é unha peza clave da fortaleza dos atacantes. Porque a tecnoloxía non é boa nin mala, pero tampouco neutra.

Aparece así unha das vantaxes esenciais do software libre: a seguridade asociada ó mesmo. Seguridade que o goberno estadounidense xa ten en conta dentro da súa “Estratexia Nacional para asegura-lo ciberespacio“. E logo do caso Estonio, é seguro que a OTAN e a Unión Europea teñen en mente algo parecido. Mais o principal seguirá sendo asegura-los sistemas usados polo usuario medio para este tipo de ataques.

É probable ademáis que, en breve, nos vexamos enfrontados de novo a recortes dos nosos ciberdereitos. Haberá que estar alerta, porque …

cuando dos elefantes se pelean, quien sufre es la hierba

Entrevista a Javi Vázquez

[ Actualización 23-05, 22:50h: título correxido 😉 ]

Logo da axuda da xente de AGNIX e, sobre todo, de Pedro, o master da Blogaliza, xa teño a entrevista a Javi Vázquez on-line. Javi é socio-fundador e actual desenvolvedor de negocio de IGALIA, empresa galega de software libre.

A razón da entrevista é doble:

  • mostrar cómo dende Galicia se pode competir a nivel mundial nun campo tan complexo como o do software libre
  • denuncia-las accións que van en contra da nosa industria local e do benestar que pretendemos conseguir a través da sociedade do coñecemento

A entrevista divídese en 4 bloques. Os seguintes:

» IGALIA, a empresa. [00:00-14:40]

Os 3 eixos que configuran a súa actividade: empresa de software libre, xestión cooperativa e forte tendencia á internacionalización (ver por exemplo iniciativa GMAE: IGALIA como membro fundador).

» IGALIA e a comunidade. [14:40-23:30]

De cómo afronta IGALIA o problema dos free riders (a traxedia dos comúns), ou qué lle devolve a empresa á comunidade. IGALIA como mumi, ou axente dinamizador na produción de software libre. Ver por exemplo Premio ó mellor PFC con soft libre e colaboración con GPUL.

» O PEGSI e o mercado TIC galego. [23:30-31:40]

Unha retrospectiva dende a experiencia de Javi do mercado galego das TIC e qué supón o PEGSI neste marco.

» Os últimos pasos atrás. [31:40-50:17]

Tamén falamos dos perigos e pasos atrás que se realizaron nestos meses e cómo iso pode influir no desenvolvemento de Galicia e no noso benestar.

Espero a disfrutedes! 😀

[making off] Desculpade os meus excesivos tics e a rapidez coa que falo… cousas de conversar cunha persoa de alto standing! 😉 Por certo, a metade da entrevista (minuto 30:50 + ou – ) tivemos que realizar un apaño, pois mentres a grabábamos sufrimos un pequeno percance co Skype. A próxima sairá mellor. [/making off]

De patentes, ou de monopolios intelectuais

As patentes son concesións gubernamentais. Mediante esta concesión, otórgase un dereito temporal e exclusivo de explotación sobre unha invención ou mellora tecnolóxica. Otórgase polo tanto un mecanismo de exclusión da competencia, creando un monopolio intelectual.

Así, as patentes implican por un lado a concesión de monopolios de venta, xerando polo outro mecanismos de control e restricción de uso do produto por parte do comprador. Isto trae profundas consecuencias sobre os prezos e os modelos de negocio.

Sobre os prezos.

É evidente que os monopolistas desexan obte-lo máximo rendemento da súa inversión, polo tanto -e debido á exclusividade que lles otorga a patente- poden minimiza-la oferta de produtos no mercado (así como reduci-los stocks ó mínimo).

Esta actuación eleva os prezos, pois a demanda do ben é maior que a oferta. O alto que poidan chegar a ser dependerá do que estén dispostos a pagar os consumidores. Obsérvase así, que o monopolio intelectual conduce a prezos artificialmente altos durante o tempo de concesión do mesmo, xa que non existe ningún outro axente que compita nese mercado (nin en costes nin en diferenciación).

Sobre o modelo de negocio.

O mesmo principio da patente (exclusividade da explotación) indica de novo o principal uso da mesma: como estratexia de exclusión da competencia o máximo tempo posible, co obxectivo de maximiza-lo beneficio. Trátase de evitar que outros produzan os mesmos bens a menor prezo ou con alguna diferenciación e se vexan reducidas as ganancias potenciais.

Obsérvase así cómo o monopolio intelectual otorga incentivos á búsqueda de rentas e non á innovación continua.

Conclusións.

Por todo o dito, podemos dicir que as patentes restrinxen a acumulación e redistribución do capital, reducindo o crecemento económico da sociedade, polo tanto tamén o benestar e cohesión social da mesma.

Todo isto coincide co que xa dixemos noutros post: as patentes úsanse como barreira de entrada a novos competidores, non como mecanismo de “xusta remuneración”.

Mais a día de hoxe, séguese a argumentar que sen patentes, a investigación e innovación veríase reducida, pois non existirían incentivos para tal cousa; amén de que os que investigan e innovan non obterían suficiente remuneración para recupera-la inversión realizada. Da veracidade destes argumentos falaremos en breve, pois son o núcleo da lexitimización actual das patentes.