in All, Galego, Software Libre

De patentes, ou de monopolios intelectuais

As patentes son concesións gubernamentais. Mediante esta concesión, otórgase un dereito temporal e exclusivo de explotación sobre unha invención ou mellora tecnolóxica. Otórgase polo tanto un mecanismo de exclusión da competencia, creando un monopolio intelectual.

Así, as patentes implican por un lado a concesión de monopolios de venta, xerando polo outro mecanismos de control e restricción de uso do produto por parte do comprador. Isto trae profundas consecuencias sobre os prezos e os modelos de negocio.

Sobre os prezos.

É evidente que os monopolistas desexan obte-lo máximo rendemento da súa inversión, polo tanto -e debido á exclusividade que lles otorga a patente- poden minimiza-la oferta de produtos no mercado (así como reduci-los stocks ó mínimo).

Esta actuación eleva os prezos, pois a demanda do ben é maior que a oferta. O alto que poidan chegar a ser dependerá do que estén dispostos a pagar os consumidores. Obsérvase así, que o monopolio intelectual conduce a prezos artificialmente altos durante o tempo de concesión do mesmo, xa que non existe ningún outro axente que compita nese mercado (nin en costes nin en diferenciación).

Sobre o modelo de negocio.

O mesmo principio da patente (exclusividade da explotación) indica de novo o principal uso da mesma: como estratexia de exclusión da competencia o máximo tempo posible, co obxectivo de maximiza-lo beneficio. Trátase de evitar que outros produzan os mesmos bens a menor prezo ou con alguna diferenciación e se vexan reducidas as ganancias potenciais.

Obsérvase así cómo o monopolio intelectual otorga incentivos á búsqueda de rentas e non á innovación continua.

Conclusións.

Por todo o dito, podemos dicir que as patentes restrinxen a acumulación e redistribución do capital, reducindo o crecemento económico da sociedade, polo tanto tamén o benestar e cohesión social da mesma.

Todo isto coincide co que xa dixemos noutros post: as patentes úsanse como barreira de entrada a novos competidores, non como mecanismo de “xusta remuneración”.

Mais a día de hoxe, séguese a argumentar que sen patentes, a investigación e innovación veríase reducida, pois non existirían incentivos para tal cousa; amén de que os que investigan e innovan non obterían suficiente remuneración para recupera-la inversión realizada. Da veracidade destes argumentos falaremos en breve, pois son o núcleo da lexitimización actual das patentes.

Leave a Reply