Informacionalismo, progreso e conflitos

O informe sobre os números do informacionalismo é -por pura gramática cultural- o que levaba tempo esperando: unha sinal clara de que o informacionalismo está aquí e temos que pensa-lo progreso coas súas regras, diferenciar táctica e estratexia.

Non se convirte en máis real o informacionalismo porque o diga o Banco Mundial, mais sí cobra máis importancia porque (debido a quen o publica) se convirte no punto de arranque de moitos debates no sector da cooperación e sociedade civil.

Cada modo de desenvolvemento ten os seus conflitos propios, sempre ligados á propiedade do traballo, ó motor da economía. A era agraria descubriunos que o conflito xurdía pola posesión das terras, a industrial ríxese polo conflito en torno á propiedade e xestión das fábricas. A era informacional non é allea a esta dicotomía histórica entre as forzas produtivas e as relacións de produción. Así, neste momento histórico, o conflito reside na propiedade da información (ou na súa non-apropiación). E a súa cara actual (un mundo con restriccións ó uso da información e monopolios informacionais) non só ten consecuencias económicas graves (redúcese a creación de riqueza) senón tamén políticas (foméntanse a concentración da riqueza).

Apoiar hoxe o software libre, a cultura e coñecemento abertos non é un mero posicionamento estético, algo marxinal políticamente. Convírtese na principal batalla polo desenvolvemento e o progreso.

Porque o obxectivo é o progreso, e como dixo Javi Vázquez:

O que estamos a defender é unha sociedade baseada no coñecemento como actividade económica principal.

Unha sociedade que desenvolva a súa calidade de vida, o seu benestar, ó redor da explotación dese coñecemento, da innovación e colaboración sobre el. E o software libre é unha ferramenta que, de forma natural, se integra nese obxectivo, se alinea con esa estratexia para alcanzalo, porque responde a esa fórmula de colaboración e de traballo.

Non é unha cuestión de defende-lo software libre, senón de defender unha sociedade baseada no coñecemento.

Leave a Reply