Categories
All Galego Lifestream

O André

Neste verán, un dos memes que agromou na galego-esfera do twitter foi o de actualizarmos o perfil poñendo o artigo antes do nome: a Berta, o Ricardo, a Teodora, etc.

https://twitter.com/emgalego/status/1284816061624455168

Este meme inspiroume a revisar a historia e normativa da antroponimia galega.

Dentro das linguas románicas, o uso do artigo con antropónimos e topónimos é característica do Galego-Português, compartida con outras como o Catalán mais que non teñen o Castelán ou o Italiano, por exemplo. É, ademáis, unha forma que, na oralidade, tivo certa vitalidade na Galiza até ben recente: vai no Canadá, falei co Pepe, compreino na Pobra, etc son estruturas que eu ouvía de mozo e, de cando en vez, aínda ouzo. Así tamén quedou recollida na Gramática elemental del gallego común de Carvalho Calero.

Este vagar pola historia da antroponimia galega levoume até as publicacións do seminario de onomástica da Real Academia Galega, que son a referencia legal nesta área. En 2016, a RAG publicou Os apelidos en galego: orientacións para a súa normalización -prontuario non exento de polémica– co ánimo de promover a recuperación dos nomes e apelidos galegos deturpados por castelanismos a partir da altura en que o galego foi excluído dos ámbitos cultos. Con todo, foron outras entidades públicas e privadas as que lanzan a campaña a prol da recuperación, aínda que tamén se pode atopar información ao respecto creada dende Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e algúns concellos.

E así é como, quer como brincadeira, quer como posta en valor do patrimonio lingüístico do Galego-Português, decidín actualiza-lo meu nome nas redes por “O André”.

Úneste á brincadeira?

2 replies on “O André”

Leave a Reply

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.